Infancia Imaxinaria
Fotografías de
Manuel Pereira
Non é necesario ler moito sobre semiótica para interpretar aquel sinal de tráfico onde a silueta dun neno nos reclama precaución advertindo da cercanía dun colexio. Entre as distintas versións deste sinal, algunha aínda debuxa aquela silueta con pantalóns curtos e carteira de asa que, máis que á imaxe dunha época pasada, responde á imaxe dun tempo imaxinario, aínda que non de todo ficticio.
Un certo número de exemplos concretos, poñamos por caso algunhas fotografías de Robert Doisneau, poden sustentar esa figura icónica, e talvez sexa precisamente esa cercanía co tópico visual o que as fai tan reconfortantes. Nada máis tranquilizador que aqueles momentos en que a complexa realidade semella axustarse á sinxela imaxe que nos formamos dela.
Unha fotografía de Manuel Pereira onde dous nenos con idénticas camisas, pantalóns curtos e peiteados, pescan nun lugar que podería ser Malpica, pero tamén a ribeira do Sena en París, funciona á perfección como ese tipo outro signo visual dunha infancia que realmente terá moi pouco que ver coa da maioría das persoas que contemplan a fotografía.
A pesar de todo (aquela infancia tampouco foi a miña) sentimos certa identificación, captamos certo aire de infancia nesta imaxe e no resto das fotografías nas que Pereira retratou nenos ou captou esceas con eles como protagonistas.
A facilidade para a lectura dos tópicos non explicaría, sen embargo, a identificación. Escoitar un conto infantil que non coñeciamos pode transportarnos a tempos pasados non concretos. Está claro daquela que o que move a nosa imaxinación nestes casos non é a memoria dun pasado biográfico senón, talvez, un xeito de funcionar da propia imaxinación, cando esta se infiltra na experiencia.
Digámolo a modo de hipótese: o presente do neno é a memoria do adulto… Pero fagamos notar que ese neno e ese adulto non teñen por que ser, e non acostuman a ser, a mesma persoa. Non pretendo aquí ningunha decalación máis ou menos poética sobre como cambiamos co tempo, senón que tento ser bastante máis literal: a realidade que o neno ten presente non ten o foco duro da realidade que se lle presenta a un adulto. Para o neno non está tan clara a diferenza entre algo que está ahí, sólido e inmutable, e unha forma de velo na que se misturan pensamentos (e/ou imaxes) máis ou menos autónomos, idependentes desa realidade. Para o adulto esa diferenza parece máis clara, pero esquece que a súa óptica non deixa de ser deformante, que na percepción da realidade tamén mistura códigos culturais e, sobre todo, experiencias cargadas de significado persoal.
Na visión do noso presente nunca deixa de intervir a nosa memoria, pero esta tamén é algo presente, parte do que agora somos e do que nos permite interpretar o mundo. Un neno apenas ten pasado, pero xa posúe memoria, xa posúe imaxinación. Cando esta se mistura coa percepción da realidade non ten experiencia previa á que vincularse (non ten excusa para a ficción) e cando nós pretendemos ver a realidade mesma apoiamos a nosa interpretación na memoria como quen acude a un arquivo administrativo. Cremos que é o neno quen vive na fantasía, pero con esta crenza queda en evidencia que nunca temos saído dela.
As imaxes de Pereira recórdannos á infancia, pero non porque retraten a nósa, senón porque diante delas vemos a realidade coma nenos, misturada coa imaxinación.